Theravada

O Theravada (en pali e sánscrito: Sthaviravada; lit. "Escola dos Anciáns"), é considerada a máis antiga de entre as escolas de budismo actualmente existentes. Os crentes desta póla, chamados Theravādins, preservaron a súa versión das ensinanzas de Gautama Buda no canon pali durante máis de dous milenios. A escola Theravada é tamén a única que non considera canónicas as escrituras adoptadas polas escolas Mahayana e Vaxrayana. É unha das dezaoito (ou vinte) escolas Nikāya, que se formaron na India no século seguinte á morte de Buda. Máis concretamente provén do grupo Vibhajjavāda que xurdiu da antiga seita Sthavira no tempo do terceiro concilio budista (250 a. C.). Esta vertente do budismo perdeu adeptos na súa terra natal, a India, pero perviviu coma tradición viva nas zonas do sueste asiático. Algunhas veces é indebidamente chamada Hinayana, que etimoloxicamente é un termo pexorativo (significa algo como o vehículo cativo) en contraposición ao Mahayana (o gran vehículo).


Developed by StudentB